Século XX - actualidade

Visit Pontevedra

Nas primeiras décadas do século XX, Pontevedra vive un momento de especial efervescencia cultural e política. Ten especial relevancia a creación da Misión Biolóxica de Galicia e a fundación, a finais de 1931, do Partido Galeguista, dirixido por Bóveda e Castelao, xermolo do nacionalismo galego actual.

En 1936 ten lugar o alzamento militar do xeneral Franco que dá paso a unha dura guerra civil, fomentada polos odios e enfrontamentos acumulados durante anos. Tras o seu remate tres anos máis tarde, viría a represión por parte dos triunfadores nacionalistas. Así as cousas, numerosas persoas foron asasinadas, fusiladas, represaliadas ou obrigadas a marchar ao exilio.

Como consecuencia desta guerra, as dúas primeiras décadas da ditadura franquista son de enormes dificultades económicas para a maioría da poboación. O cambio produciuse na década dos 60, que se caracteriza por un desenvolvemento sostido que empeza a manifestarse máis claramente a principios dos 70, coincidindo coa morte de Franco en 1974 e coa transición democrática española.

Nos últimos tempos véuselle recoñecendo o seu labor en diversos campos a moitos persoeiros do ámbito galego. Así, no ano 1999, o Concello de Pontevedra rendeu por vez primeira unha homenaxe institucional a Alexandre Bóveda (figura clave na historia contemporánea de Galicia) asasinado o 17 de agosto de 1936, e a outras figuras importantes na historia política de Pontevedra que foron fusiladas o 12 de novembro dese mesmo ano por defender a Galicia, a liberdade e a xustiza social: o comandante Ramiro Paz, o mestre Xermán Adrio, o avogado e ex gobernador civil Xosé Adrio, os médicos Amancio Caamaño, Luís Poza e Telmo Bernárdez, o capitán de asalto Xoán Rico, o profesor de instituto Paulo Novás, o industrial Benigno Rei e o escritor Vítor Casas.

A finais do século XX, Pontevedra apostou por un modelo de cidade propio. Coa peonalización do centro histórico, en 1999, iniciouse un proceso que cambiaría radicalmente a fisionomía da Boa Vila. Seguindo un deseño intelixente, un modelo global, eficaz, cariñoso co pasado e sen complexos ante o presente e o futuro, a transformación da cidade trouxo consigo vitalidade, ritmo urbano, revalorización, visión contemporánea dos espazos, renovación dos servizos públicos, actividade económica, autoestima cidadá e recoñecemento exterior.

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados