Sendeiro fluvial do río dos Gafos

Visit Pontevedra

Seguindo a canle do río Gafos pola súa marxe dereita, entre frondosa vexetación de ribeira e o murmurio da auga, discorre esta senda lineal de case seis quilómetros de dificultade baixa. Comeza na rúa de Otero Pedrayo, preto da estación de autobuses, atravesa as parroquias de Salcedo e Tomeza, e conclúe no Concello de Vilaboa, onde nace o río.

Este sendeiro lineal, duns 6.000 m de baixa dificultade, percorre as beiras do río dos Gafos. O río ten diferentes nomes, segundo os lugares por onde pasa: Cocho (en Figueirido), Toxal (en Bértola), Tomeza (en Tomeza e Salcedo), ou Gafos, a denominación máis estendida, que significa “lacerado” ou “leproso” por un lazareto que había nas súas beiras.

O traxecto comeza pola marxe dereita do río, na entrada do túnel da rúa de Otero Pedrayo, a douscentos metros da estación de autobuses e a cen metros do Albergue dos Peregrinos. Medio quilómetro máis adiante atópase o muíño de Cabanas e, pouco despois, unha das pontes singulares do río: a de Valentín, dun só ollo definido por un arco escarzano. De seguido chega a un pequeno encoro, Mar da Presa, que alimenta o muíño, e a unha zona de alto interese botánico chamada As Brañas.

Ao cruzar a ponte Rebón, pode verse o muíño do Toxal que, neste treito, dá nome ao río. Máis arriba atópanse as pontes da Insuíña e da Estrada ou dos Rocíos, a carón do regato Filgueira ou Miñoto. O sendeiro conclúe ao chegar a unha pista asfaltada que comunica o lugar de Alcouce co de Balteiro na parroquia de Figueirido, municipio de Vilaboa.

A vexetación de ribeira chega a ser dunha densidade sorprendente, sobre todo no referente ao estrato herbáceo e ao sotobosque: fentos, liques, brións, silvas, xibardas e mesmo lúpulo comparten hábitat con espiños brancos e carballos de dimensións importantes. Destaca a localización de exemplares de Prunus padus, Pau de San Gregorio ou cireixón, de estraña presenza nesta latitude.

Cómpre destacar que no sendeiro atópanse tres tipos de formacións boscosas: as brañas, onde prevalecen os salgueiros e os amieiros; as fragas, cun denso sotobosque, dominadas por carballos, freixos, bidueiros, chopos e amieiros; e os soutos, bosques monoespecíficos de castiñeiros.

O río ten o seu nacemento en O Mato da Xestiña, lugar da Boullosa, en Figueirido, concello de Vilaboa, e despois de percorrer 10.830 metros verte as súas augas xunto ás do río Lérez na ría de Pontevedra, no barrio pontevedrés das Corvaceiras.

O curso principal do río pode cruzarse por medio dun total de dezaseis pontes.

É dos poucos ríos de Galicia que ten unha clara orientación sur-norte e a súa dirección case lineal. De feito, só nos últimos 600 metros do seu percorrido describe unha curva á esquerda que o encamiña de forma directa cara ao seu punto de encontro coa ría de Pontevedra.

Sendeiro fluvial do río dos Gafos

lonxitude: 6.000 m
duración: 2 horas
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 29T X: 529.785 Y: 4.696.667

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados