Sendas do Lérez

Visit Pontevedra

A pouca distancia do centro urbano da cidade, a Senda do Lérez empeza na praia fluvial e vai bordeando o río Lérez para finalizar seis quilómetros despois na parroquia de Bora, pasando ademais por antigos carreiros forestais que usaban os pescadores que ían ao río, frondosos bosques de ribeira e restos de antigos muíños.

Trátase dun percorrido lineal duns seis quilómetros de baixa dificultade, no que se poderá coñecer o diverso medio fluvial do tramo baixo do río Lérez, así como distintos medios forestais autóctonos.

Moi próxima ao centro urbano da cidade, a senda parte da ponte dos Tirantes pola marxe esquerda do río Lérez, onde vai en forma de paseo ata a praia fluvial, preto da ponte do tren. A partir de aquí avanza por diversas pasarelas de madeira e camiños acondicionados –noutrora antigos carreiros forestais que usaban os pescadores que ían ao río– percorrendo os chamados Salóns do Lérez, zonas onde o río se ensancha e discorre con calma grazas á influencia das mareas.

Pouco a pouco o camiño vaise adentrando nunha zona de densa vexetación de ribeira, entre carballos e salgueiros. Destacan nesta zona a fermosa fervenza da Fillagosa, comparada polo Padre Sarmiento coas paisaxes bucólicas da mitoloxía clásica, así como as ruínas do antigo hotel-balneario do Lérez (de nome Villa Buenos Aires) que aínda conserva parte do edificio principal coa fonte de augas medicinais no interior.

Creado en 1906, este luxoso balneario converteuse nun punto de encontro de pontevedreses e de importantes políticos da época como o ministro Canalejas, o marqués de Riestra, Montero Ríos, Cobián Roffignac..., mesmo a infanta Elena de Borbón e Borbón visitouno en 1914. O seu promotor foi Casimiro Gómez, emigrante que fixo unha gran fortuna en Arxentina. Adiantado ao seu tempo e un auténtico visionario, o empresario pontevedrés decidiu ademais empezar a vender a auga embotellada. Naceron así As Augas do Lérez, ás que se lles atribuíron importantes propiedades terapéuticas e que grazas a unha intelixente campaña publicitaria foron coñecidas en medio mundo. A pesar do grande éxito que tiveron durante as dúas primeiras décadas do s. XX, tanto o balneario como As Augas foron perdendo importancia ata caer no esquecemento.

A senda continúa polos antigos accesos á estación de bombeo da auga, un lugar onde o río provoca un gran estrondo pola forza que leva. Desde aquí e ata o final do traxecto no encoro de Bora, os bosques de ribeira adquiren maior espesura e pódense visitar algúns restos de muíños.

Pola marxe da parroquia de Lérez, a senda pode tomarse a partir da Illa das Esculturas, desde onde se pode camiñar un pequeno treito á beira do río, para subir despois ao mosteiro de San Bieito de Lérez. De alí, por diversos camiños, volve a baixar cara a unha das pasarelas peonís que comunican esta marxe coa de Monte Porreiro. É parada obrigada o Lugar da Fontaíña, Lugar de Importancia Comunitaria (LIC ES1140002 “Río Lérez”, 149 ha), pola súa área de turismo ornitolóxico. Río arriba, antes de cruzar a ponte na estación de bombeo da auga, accédese ao lugar do Couso, onde desemboca o río de Fontáns, un espazo de agradable fisionomía.

O río Lérez nace na Serra do Candán, ao pé do monte de San Bieito logo de xuntarse as fontiñas de Pao Dereito, o rego Dedra e, se seguido, os regos da Mexadoira e dos Bidros. No rueiro da Noveliza é onde se pode dicir que o río empeza a tomar corpo. Nace, polo tanto, nas terras de Aciveiro, no concello de Forcarei, e discorre por uns 60 quilómetros atravesando logo os concellos de Cerdedo, Campo Lameiro, Cotobade e Pontevedra.

Os ríos Salgueiro, Cabaleiros, Grande, O Castro e Quireza son os seus principais afluentes aos que se xuntan no último treito os ríos Almofrei e de Fontáns, xa no concello de Pontevedra e numerosos regatos como os da Fillagosa e da Bouza.

A orixe do seu nome é incerta. Aparece citado en diferentes documentos medievais baixo as formas Leruce, Lerz, Lerice, Lerze ou Leres. Frei Martín Sarmiento propón derivalo do latín Larice(m), alerce, unha árbore da familia das pináceas. Outros sinalan a posibilidade de que derive da raíz prerromana ler que puña nome a unha extensión indeterminada de auga.

A vexetación de ribeira está dominada por treitos ben conservados de bosques-galería compostos de ameneiros (Alnus glutinosa), salgueiros (Salix spp.), abeleiras (Corylus avellana), carballos (Quercus spp.), freixos (Fraxinus angustifolia), e sanguiños (Frangula alnus) entre outras especies de árbores acompañadas dun rico cortexo arbustivo e herbáceo típico deste tipo de bosques que inclúe diversas especies de fieitos.

Canto a fauna, existen numerosas especies vinculadas ao río e ao bosque de ribeira: insectos, entre os que se contan os cabaliños do demo (Coenagrion mercuriale e Oxigastra curtisii), a vacaloura (Lucanus cervus) e o cerambícido (Cerambyx cerdo); mamíferos como o desmán ibérico (Galemys pyrenaicus) e a lontra (Lutra lutra); e unha rica avifauna entre a que cabe sinalar o picapeixe (Alcedo atthis), a garza real (Ardea cinerea), o moucho de orellas (Otus scops), ou o ouriolo (Oriolus oriolus). O endémico lagarto das silveiras (Lacerta schreiberii), encóntrase nos bordos do bosque ripario e os prados con arbustos. Pero un dos maiores valores naturais é a fauna ictiolóxica: peixes endémicos e ameazados como o salmón (Salmo salar), que mantén unha poboación reducida, a forma migratoria da troita ou reo (Salmo trutta trutta), o cacho (Squalius carolitertii), e a anguía (Anguilla anguilla).

O caudal do Lérez foi ánima que moveu os rodicios dos numerosos muíños de auga que se situaban nas súas marxes. Noutrora centros da vida económica e social do contorno, hoxe apenas quedan restos da meirande parte destas aceas (Aceñas do Lérez, Muíños dos Cortellos…). Outros consérvanse relativamente ben como o do Radabouxo en Mourente (cunha impresionante represa de 60 metros e catro moas) ou o do Manco en Santo André de Xeve. No Couso concentrábanse máis dunha ducia empregando o río Fontáns e o Lérez como forza motriz.

Sendas do Lérez

lonxitude: 5.900 m
duración: 2 horas
dificultade: baixa
coordenadas UTM: 29T X: 530.228 Y: 4.698.382

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados