• Natureza
  • Ruta da Camelia nas Rías Baixas

Ruta da Camelia nas Rías Baixas

Visit Pontevedra

Enmarcados na Ruta da Camelia, Pontevedra acolle xardíns convertidos en auténticos paraísos botánicos: o castelo de Soutomaior, o parque do Castro, o pazo de Lourizán, o pazo de Oca, o pazo de Rubianes, o pazo da Saleta, o pazo Quinteiro da Cruz, o pazo de Gandarón ou os xardíns do parque Quiñones de León propoñen un itinerario cuxa idiosincrasia ten cor, aroma, pero tamén sabor –o do té e aceite que, cada ano, se elabora coa flor que Oriente lle regalou a Occidente– ou tacto –o xabón de camelia recoñécese como un hidratante de gran poder–. Vista, olfacto e gusto son os grandes vitoriosos deste itinerario. Esta é a viaxe que propón a Deputación Provincial de Pontevedra: a Ruta da Camelia nas Rías Baixas. 

Din del que os seus dous estanques representan a virtude e a vaidade. Tamén que o seu paseo de tileiros –entre estes estanques e o bosque de Guillufe– acubilla o camiñante do frío e do sol. Que o pazo de Oca –monumento da Casa Ducal de Medinaceli na Estrada– non se entendería sen a súa relación coa auga. Din, ademais, que Versalles galego é un sobrenome que non podería estar máis acertado. E nesta comparación cos campos franceses, os xardíns do pazo estradense decláranse culpables. Porque, unha vez os pés traspasan os muros pétreos deste pazo ao redor do que creceu a parroquia de Oca, a vista ten que facer verdadeiros esforzos para mirar nunha única dirección.

Grandes cadros de sebes, duns 30 metros, delimitan os xardíns do pazo de Oca. Exemplares de criptomeria, teixo, magnolias perennifolias, lagerstroemias, sequoia vermella, pradairo e laurocerasos delimitan o paso. Non obstante, súmase a todos eles o máis excepcional: Camellia reticulata ‘Captain Rawes', que se une a un conxunto de antigas camelias. Para nada son preguizosas: entre todas regalan as súas flores desde xaneiro a abril –hai anos que mesmo antes– de modo que, cando marchan, deixan xa en mans da primavera a tarefa de realzar a beleza dun pazo barroco no que algunhas camelias superan os oito metros. E cóntanse por centos: ata os 600 exemplares. Os máis antigos do lugar crecen nel desde o século XVIII. Presumen de ser dos máis lonxevos da provincia –lembremos que o xénero se introduciu despois do século XVI en Occidente–. Tons rosas e brancos predominan. E xogan a mesturarse entre si nun pazo no que tamén hai espazo para un xardín hortícola e froiteiro. Así, a presenza de kiwis ou maceiras lembra que Oca, coma todo pazo, se concibía como unha unidade autosuficiente. No caso das camelias, exemplares dos cultivares ‘Alfredo Allen', ‘Anemona Alba', ‘Luiz Van-Zeller', ‘Mont Blanc', ‘Pompone', ‘Pomponia Estriata Portuensis' e ‘Pomponia Portuensis', de Camellia  japonica, e do cultivar ‘Uraku', de Camellia wabisuke, reciben os visitantes.

Respecto da súa historia, os primeiros vestixios datan do s. XV. Álvaro de Oca e o seu fillo Suero serían os primeiros señores da primitiva fortaleza medieval, que asistiu a diversas remodelacións. Intervencións que non só afectaron á arquitectura do pazo senón aos propios xardíns, considerados os máis fermosos de toda a provincia de Pontevedra e das Rías Baixas.

Non é que se conten por decenas, nin mesmo por centenares. Cóntanse por miles e chégase ata os 4.000! Un a un, estes son os exemplares de camelia dos que pode presumir o pazo de Rubianes, catalogado na actualidade como Xardín de Excelencia Internacional da Camelia e situado en Vilagarcía de Arousa. O cultivo da especie neste espazo entende moito de paixón, de paixón familiar, de paixón pola xardinería, e de saber xardineiro transmitido de pais a fillos.

A súa colección de camelias, que debuxa un mar de todas as formas e cores, fai deste un xardín de inverno único en toda Europa. Na fermosa comarca do Salnés máis de cen especies diferentes decoran a paisaxe deste pazo, cuxa construción comezou a tomar forma en 1764. Habería que esperar case un século, ata 1850, para que se plantasen as primeiras camelias, chegadas desde Portugal como un obsequio dos duques de Caminha. Hoxe as variedades desta planta, que mostra a súa plenitude na estación fría, cífranse en 800.

Nesta eclosión de cor que se produce cada inverno, as  especies máis madrugadoras son Camellia sinensis e Camellia sasanqua. ‘Alba Plena', ‘Bela Romana', ‘Elegans', ‘Grace Albritton', ‘Hagoromo', ‘Lavinia Maggi', ‘Pomponia Alba', ‘Pomponia Luctea' e ‘Variegata', de Camellia  japonica, ‘Arch of Triumph', ‘Dr. Clifford Parks', ‘Francie L.' e ‘Rosalía de Castro', de Camellia reticulata, ou ‘Showa Supreme', de Camellia hiemalis, e ‘Tarôkaja', de Camellia wabisuke, xogan a reinar no xardín. E comparten o trono.

A capela, dedicada á Virxe da Saleta, dá nome a este pazo privado situado no municipio pontevedrés de Meis. Pouco sol fai falta para que o espazo reborde luz. E para que, cada inverno, comece o espectáculo. A floración das súas camelias comeza mesmo a finais do outono. A función arranca. Variedades coma ´Debutante´, ´Dr. Tinsley´, ´Lavinia Maggi´ e ´Mathotiana Alba´, de Camellia japonica, ´Jean May´ e ´Narumigata´, de Camellia sasanqua, ‘Mandalay Queen', ‘Royalty' e ‘Valentine Day', de Camellia reticulata, ´Debbie´, ´George Blandford´, ´JC Williams´, ´Philippa Forward´ e ´St. Ewe´, de híbridos Camellia x williamsii, ‘Interval', de Camellia hibrida, ´Kanjiro´, de Camellia hiemalis, ´Fragrant Pink´, de Camellia rusticana, ou exemplares de Camellia  vernalis e Camellia nitidissima asumen o seu papel protagonista. Non están soas. Nin moito menos. As formas, tamaños e cores repártense por todas as partes nesta casa de labranza.

As cinco hectáreas que compoñen este xardín son de inspiración inglesa. No seu bosque, sobreiras ou carballos conviven con especies orientais coma rododendros ou azaleas nun espazo no que teñen cabida, ademais, proteáceas e mirtáceas australianas ou ericáceas sudamericanas, creando un dos xardíns máis especiais da provincia de Pontevedra, moi próximo, ademais, ás Rías Baixas.

Pero o abano de cor na temporada invernal é, sen dúbida, reino das máis de 200 variedades de camelias existentes. Os seus pétalos fan, se cabe, que o conxunto de capela, hórreo, pazo, pombal, carballeira, estanque e xungla australiana luza aínda máis fermoso.

 

No seu pasado foi granxa; no seu presente, un importantísimo espazo botánico. O pazo de Lourizán, entre Pontevedra e Marín, viviu unha época de grande actividade ao ser adquirido no século XIX polo político Montero Ríos. En mans da Deputación de Pontevedra desde os anos 40 do último século, na actualidade acolle o Centro de Investigación Forestal de Lourizán. Enmarcado na Ruta da Camelia, que permite coñecer As Rías Baixas e a provincia de Pontevedra de norte a sur, no seu xardín son compañeiras especies autóctonas e exóticas. Ademais de dar acubillo ao exemplar de camelia máis alto de Europa, neste espazo conviven espécimes realmente lonxevos; considérase que os máis antigos pertencen ao Establecemento Hortícola portugués de José Marques Loureiro, do s. XIX.

Xunto ás camelias, no exterior deste pazo –cunha extensión de 54 hectáreas– crecen variedades coma o olmo holandés, as palmeiras raíñas, as magnolias, o cedro do Líbano ou Metasequoia glyptostroboides. Distintas fontes históricas, unha escaleira de pedra de corte imperial e grandes ventás son outros puntos destacados desta edificación, de estilo modernista.

Nesta contorna habitan máis de 600 exemplares de Camellia japonica de distintos cultivares: ‘Alba Plena', ‘Alba Simplex', ‘Angelina Vieira', ‘Antonio Bernardo Ferreira', ‘Bella Romana', ‘Cidade de Vigo', ‘Coralina', ‘Covina', ‘Doa Herzilia de Freitas Magallaes', ‘Incarnata', ‘Pedro V, Rei de Portugal´ e ‘Pompone'. Este espazo acolle o exemplar de maior altura coñecido no mundo (20,5 metros), que ten unha idade estimada de 130 anos e se atopa no Xardín Botánico de Lourizán, no Parque das Rías, concretamente nunha zona denominada Ría das Rosas.

Ao redor de 800 anos de antigüidade singularizan os castiñeiros do xardín do castelo de Soutomaior. Con eles presiden o espazo especies coma a araucaria de Neuquen, a sequoia, o ciprés dos pantanos, Abies pinsapo, o ciprés de Monterrey. O deseño dos seus xardíns e parque botánico tal e como os gozamos actualmente –considerados entre os máis importantes de Galicia– ten a súa orixe en 1870, momento no que os marqueses de la Vega de Armijo e de Mos se asentan na edificación e comezan un proceso de remodelación. A conversión dos antigos campos de millo no verxel que hoxe coñecemos comezou entón. Na actualidade o xardín non ten parangón. Como protagonista, un exemplar de camelia que conforman 18 troncos, que crecen desde a propia base da árbore e que forman, así, a maior circunferencia da especie en Galicia.

Parece que o clima, moi adecuado neste outeiro da provincia de Pontevedra, fai que palmeiras e laranxeiras luzan a súa mellor cara xunto a eucaliptos, castiñeiros, carballos, camelias e magnolios xigantes, creando un espazo case único nas Rías Baixas. As súas 35 hectáreas de superficie dedícanse a viñedo, bosque autóctono, froiteiras e parque botánico. Tras a adquisición por parte da Deputación de Pontevedra deste enclave comezou a creación dunha colección de camelias nesta localización. Así, no momento en que a institución adquiriu o castelo –en 1982– había nel un total de 19 camelias. As da especie xapónica destacan por ser das máis antigas da comunidade. Só un ano despois sumáronse novos exemplares chegados de Nova Zelandia, California, Inglaterra ou Francia. Hoxe en día pode contemplarse ao redor de medio milleiro de camelias.

De feito, o espazo foi designado Xardín de Excelencia Internacional da Camelia pola Sociedade Internacional da Camelia, no marco do Congreso Internacional da Camelia desenvolvido na China en 2012. Así, o parque botánico e as parcelas próximas achegan 442 exemplares de camelia correspondentes a 25 especies distintas. Ademais de numerosos híbridos, destacan as súas 19 plantas de Camellia japonica, parte delas datadas no século XIX. Agora, tres novas rutas de sendeirismo percorren este espazo. Camelias, bosques e viñedos son os seus protagonistas.

En pleno centro de Vigo, o parque do Castro é a seguinte parada desta ruta. Moitas especies de flora, e moi distintas, esperan. Unhas autóctonas, as outras foráneas. Algunhas de gran tamaño e outras tamén grandes pero polo seu valor ornamental. A súa colección de camelias decora o xardín. Atoparalas distribuídas en moi distintas zonas formando un cinto colorido cun denominador común: a maioría destacan pola súa orixe portuguesa, coma as variedades ‘Dona Jane Andresen', ‘Angelina Vieira' ou ‘Pomponia Estriata Portuensis', entre outras.

De orixe celta, na zona oeste atópase o poboado prehistórico que dá nome ao lugar e que é orixe da cidade viguesa. Parcialmente escavado, é na zona meridional e no paseo Rosalía de Castro onde os ollos quedan máis atónitos.

A deste parque é unha historia das mil historias reunidas. Na Idade Media instalouse na contorna o castelo do Penço, pertencente á mitra compostelá. Sería derrubado posteriormente para levantar o castelo de Santa María do Castro, construído ao mesmo tempo que o castelo de San Sebastián e o recinto amurallado que os unía. Pero O Castro foi testemuña, ademais, de invasións piratas inglesas e turcas ou da batalla de Rande, acontecementos que marcarían a totalidade da provincia de Pontevedra e As Rías Baixas.

O pazo Museo Quiñones de León de Vigo, a maior cidade das Rías Baixas e a provincia de Pontevedra, continúa este itinerario. De hortos a xardíns, os exteriores dos pazos galegos preséntanse como verdadeiros monumentos vexetais. O do pazo Quiñones de León, doado para uso público coa condición cumprida de convertelo en museo, non é a excepción á regra. Habitualmente, destacan nestes pazos elementos que se observan como configuradores destes de portas cara a fóra. Así, un peche actúa a modo de fronteira entre a propiedade e o exterior mentres os xardíns se presentan fragmentados en espazos máis pequenos. Parecen estar dotados de vida propia e, en moitos casos, preséntanse en distintos niveis, adaptados á contorna. Do mesmo xeito, como sinal característica, nos pazos preséntase a inspiración inglesa e francesa. Ocorre deste xeito no pazo Museo Quiñones de León.

O pazo da Lavandeira é o seu predecesor. Era o século XVII. Dous séculos máis tarde a edificación sometíase a un completo proceso de reforma. En 1924 a propiedade era doada á cidade, e o parque, antes privado, convertíase en público. Este xardín fragméntase no xardín de acceso, o roseiral, o xardín francés, o xardín inglés (tamén coñecido como "pradería do té"), a solaina e o bosque. Parterres, un roseiral, sebes, un estanque e gran variedade de plantas exóticas e ornamentais visten este enclave. Pero queda aínda o toque que realza toda esta vestimenta vexetal: unha camelia duns 200 anos, vixía que goza da contorna xunto a tulipeiros ou magnolios.

Entre os exemplares de camelia deste terreo destaca o exemplar de Camellia japonica coñecido como "Matusalén das camelias" e a impresionante sebe formada por cultivares de 'Alba Plena', 'Bella Romana', 'Federici', 'Hagoromo', 'Herzilia II', 'Incarnata', 'Kellingtonia' e 'Pomponia Portuensis', de Camellia japonica.

Situado no corazón do Salnés, en Ribadumia, o pazo Quinteiro da Cruz atesoura xardíns de inspiración orixinariamente francesa. No seu caso, a incorporación da flor chegada desde o país do sol nacente tivo lugar nos últimos anos. Xunto a plantas provenientes de todo o mundo, hoxe a súa colección de camelias é magnífica. Quen visite a provincia de Pontevedra e As Rías Baixas ha de deterse nel.

Deste xeito, ademais de botánico, estes xardíns teñen un altísimo interese ornamental e turístico. Un interese que complementan os viñedos de albariño e bosques autóctonos que os rodean. Respecto das propias camelias, cóntanse por miles as que florecen en Quinteiro da Cruz. Ao redor duns 5.000 exemplares de máis de 1.500 variedades conviven neste enclave. Xunto a centos de exemplares de Camellia japonica, Camellia reticulata e Camellia sasanqua, destacan outros de Camellia assimilis, Camellia cuspidata, Camellia caudata ou Camellia nitidissima. En varias ocasións as súas flores recibiron o galardón Camelia de Ouro e, entre os seus recantos creados máis recentemente, sorprende unha plantación de camelia destinada á elaboración de té.

Convertido en paraíso da camelia, Quinteiro da Cruz concíbese como un auténtico museo ao aire libre. Antes de marchar, o visitante ha de cerciorarse de que coñeceu, ademais, o seu bosque das palabras, carballeira, adega, fontes barrocas e conxunto histórico.

Pazo de Gandarón

Atoparalo na parroquia pontevedresa de Salcedo. E as súas camelias atoparante a ti. Rehabilitados recentemente, os seus xardíns son estoxos de xoias botánicas coma  Camellia japonica ‘Prince Eugene Napoleon', que tantas veces paseou as rúas de Pontevedra na lapela de Antonio Odriozola, ou as flores perfectamente imbricadasFederici', ‘Fimbriata', ‘Malvar' ou ‘Alba Plena'. Proceden, os seus exemplares, de moi diversos países. Destaca Portugal ou Francia, de onde chegaron espécimes que hoxe contribúen a embelecer un dos espazos máis máxicos das Rías Baixas.

Entre as camelias, coníferas, magnolias ou palmeiras, destaca Araucaria bidwillii, incluída no catálogo de árbores singulares de Galicia.

Este espazo e o seu pazo, construído polo arcebispo Malvar a finais do século XVIII, é, desde 1928, sede da Misión Biolóxica de Galicia, dependente do Consello Superior de Investigacións Científicas. Segundo os datos dispoñibles, a estrutura orixinal do xardín é do século XIX, época a partir da cal sufriu distintas remodelacións. As súas fontes, estanques, hórreo, capela –hoxe museo– ou cenador cóntanse entre os elementos máis significativos deste espazo, que conserva o seu estilo orixinario. Todo iso enmarca unha experiencia cargada de romanticismo nun espazo que se encarga de coroar un amplo hórreo de 22 pés. De estilo barroco, neste pazo das Rías Baixas moi próximo a Pontevedra destacan os seus balcóns e chemineas, de estilo francés.

 

 Textos: páxina web de Turismo Rías Baixas (https://turismoriasbaixas.com)

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados