Illa do Covo

Visit Pontevedra

Situada nun enclave de gran valor natural e paisaxístico, na zona do río Lérez que está declarada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), incluída dentro da Rede Europea Natura 2000, a Illa do Covo amosa unha perfecta simbiose entre natureza, arte e paisaxe, ao acoller na súa superficie a Illa das Esculturas, un proxecto artístico pioneiro en España.

A Illa do Covo está situada nun enclave de gran valor natural e paisaxístico, na zona do río Lérez que está declarada como Lugar de Importancia Comunitaria (LIC), incluída dentro da Rede Europea Natura 2000. Encravada na periferia da cidade de Pontevedra, posúe accesos directos a través de pontes e pasarelas que a comunican co entorno urbano. Esta situación de privilexio convértena nun lugar de recreo, paseo e descanso de incalculable valor.

O contorno do río Lérez é hábitat de valiosas especies de fauna e flora, de feito, algunhas delas son obxecto de protección pola Lei do Patrimonio Natural e figuran nos catálogos de especies ameazadas tanto a nivel estatal como galego.

Baixo a protección das súas formacións de arboredo e ao longo das ribeiras do Lérez existiu e aínda perdura unha riqueza vexetal sen igual que fixo desta paraxe un dos lugares predilectos de Frei Martín Sarmiento para o inicio do estudo científico da botánica e da lingua galega. Ademais, as xunqueiras do Lérez deron sustento aos veciños da parroquia da súa ribeira que secularmente tomaron dela forraxe para o gando e fertilizante natural para os cultivos.

Todo este entorno engloba hábitats de bosques de ribeira con ameneiros (Alnus glutinosa) e freixos (Fraxinus excelsior), carballos (Quercus robur), bidueiros (Betula alba) ou abeleiras (Corillus avellana). Existen, así mesmo, especies de gran valor desde o punto de vista da fauna.

Por outra banda, a Illa do Covo amosa unha perfecta simbiose entre natureza, arte e paisaxe, non en balde, tamén é coñecida como a Illa das Esculturas, un proxecto artístico pioneiro en España e unha das poucas iniciativas internacionais de similares características. Doce artistas foron convidados para realizar proxectos específicos para a Illa, e cada un deles ideou unha obra que se relaciona coa paisaxe, coa tradición do lugar, coa historia da escultura e da pedra, e moi especialmente coa esencia do home e a súa relación coa natureza.

A pedra, material presente nas esculturas, a persistencia do camiño como ruta e como encontro de culturas e a idea de liberdade e diferenza, enchen conceptualmente este proxecto, quedando as esculturas permanentemente incorporadas ao espazo.

ARTISTAS E OBRAS

– Giovanni Anselmo: Ceo acortado
– Fernando Casás: Os 36 xustos
– José Pedro Croft: S/T
– Dan Graham: Pyramid
– Ian Hamilton Finlay: Petrarca
– Jenny Holzer: S/T
– Francisco Leiro: Saavedra. Zona de lecer
– Richard Long: Liña de Pontevedra
– Robert Morris: Labirinto de Pontevedra
– Anne & Patrick Poirier: Unha Folie ou Pequeno Paraíso para Pontevedra
– Ulrich Rückriem. S/T
– Enrique Velasco: Xaminorio xunquemenes obay

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados