ENIL Xunqueira de Alba

Visit Pontevedra

Declarado o primeiro Espazo Natural de Interese Local (ENIL) de toda Galicia, nas 67 hectáreas da Xunqueira de Alba catalogáronse máis de 160 especies vexetais diferentes, 130 especies de aves, 14 tipos de libélulas e máis de corenta especies de bolboretas, 10 especies de anfibios e 13 especies de mamíferos como as londras. Algúns destes exemplares están en risco de extinción.

O parque natural da Xunqueira de Alba, coas súas 67 hectáreas de superficie, constitúe a principal zona húmida de todo o municipio e o maior espazo verde da cidade. Foi declarado, en 2012, o primeiro Espazo Natural de Interese Local (ENIL) de toda Galicia.

Está situado na parte norte da cidade, a poucos metros do centro urbano, no tramo final do río da Gándara, preto da súa desembocadura no río Lérez. A entrada ao parque, cunha conexión peonil directa cruzando a ponte das Correntes, é moi utilizada como lugar de paseo, de deporte e de lecer dos pontevedreses e das pontevedresas.

O paseo principal, de máis de cinco mil metros de baixa dificultade, percorre as beiras das marismas e as xunqueiras, que orixinan pequenos cursos fluviais. Bordeando estes medios aparece un bosque de ribeira que conta con interesantes comunidades de paseriformes invernantes.

O seu principal valor é a importancia que teñen os ecosistemas que soporta, dos máis produtivos ao tempo que os máis sensibles, de aí a importancia da súa conservación. Conta con hábitats de interese comunitario, algúns deles prioritarios como lagoas costeiras ou bosques aluviais de amieiros. Ademais estes ecosistemas serven como hábitat de especies de fauna, moitas delas protexidas pola diferente lexislación existente. O grupo máis importante sería o das aves ás que lles serven de lugar de cría, alimento ou descanso durante as súas migracións, con máis de 130 especies observadas. Tamén unha importante poboación de insectos, con 14 especies de odonatos e 43 especies de lepidópteros observadas, alén de peixes, anfibios e réptiles. Tamén hai mamíferos como a londra que utilizan este lugar para alimentarse.

O pequeno esteiro que se forma no treito final constitúe un punto de observación de aves acuáticas migratorias no momento de paso, caso das limícolas, ou de invernada, caso da garza cinsenta (Ardea cinerea) e a garza branca (Egretta garzetta).

A área de marisma do espazo permanece suxeita ao fluxo das mareas e así, cada seis horas, unha parte dela pasa de estar cuberta pola auga e quedar exposta. A vexetación máis aparente que podemos observar son os illotes de esparto mariño (Spartina maritima) e outras especies halófitas, como Sarcocornia perenneis, Salicornia ramosissima e Limonium vulgare. As xunqueiras de Juncus maritimus colonizan unha cota superior á que ocupa a marisma. As beiras desta xunqueira contan con interesantes mostras de canais de Typha latifolia.

Na parte noroeste áchase un observatorio situado ao bordo da marisma viva que permite a contemplación desta contorna natural, e ao que se chega a través de carreiros e pontes de madeira.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados