Furanchos

Visit Pontevedra

Estas improvisadas tabernas en adegas ou casas particulares naceron coa finalidade de vender o excedente do viño caseiro do ano, e acabaron converténdose nun atractivo turístico polo seu carácter auténtico e enxebre, así como os seus módicos prezos. Bo viño, boa comida -caseira, exuberante e preparada ao estilo tradicional- e propietarios entrañables que destacan pola súa amabilidade e proximidade, son a auténtica esencia dos furanchos.

 

Habilitados nas adegas ou nos baixos de casas particulares, os furanchos son pequenos locais que lembran a improvisadas tabernas de noutrora, sinxelos lugares de reunión nos que degustar os viños elaborados na casa, dentro dun ambiente familiar e acolledor.

A venda do excedente de viño antes da chegada da nova colleita comezou esta arraigada tradición, que forma parte da cultura de Galicia. Ir de furancho é como ir de tapas, pero dunha maneira máis enxebre, máis auténtica.

Orixinariamente, os clientes e veciños levaban a súa propia comida para acompañar o viño que o dono poñía á venda. Hoxe en día, tamén podes levar a comida xa preparada e consumila alí, pagando só a bebida, pero o habitual é degustar as tapas de elaboración caseira que ofrecen os furancheiros: táboa de embutidos ou queixos, pementos de Padrón, orella ou chourizo, zorza ou raxo e tortilla de patacas. A oferta é reducida pero suficiente, pois o protagonista é o viño, servido en cunca, directamente do barril, nunca en botella.

A etimoloxía da palabra furancho provén de furo ancho, é dicir, o buraco que se fai no barril, pipa ou pipote, para colocarlle unha billa coa que extraer o viño da colleita. Malia que o termo aínda non está recoñecido pola Real Academia Galega, os furanchos tamén son coñecidos polo nome de loureiros, por mor da rama de loureiro colgada no enreixado ou no muro da casa como sinal de que xa estaba abillado o viño e xa se podía vender.

Os furanchos teñen tras de si unha longa historia varias veces centenaria. Aínda que naceron de forma clandestina, actualmente a súa actividade está regulada. Pontevedra foi o primeiro Concello galego en impulsar unha ordenanza reguladora da súa actividade, adaptada á da Xunta de Galicia. Esta ordenanza municipal establece o rexistro obrigatorio das viñas, así como o período e tempo máximo de apertura, o horario e as tapas que poden ofrecer aos clientes. Permítese a apertura do local do 1 de xaneiro ao 30 de xuño, mentres teñan viño propio e durante tres meses como máximo.

Pero o quid da cuestión, o verdadeiro misterio dos furanchos, reside na súa localización. Os auténticos furanchos hai que buscalos, xa que non atoparás anuncio que os publicite. Basicamente atópanse polo boca a boca e estando atento aos loureiros colgados. Outra opción moi manida consiste en preguntar a algún veciño nunha zona furancheira e encomendarse á boa orientación e á sorte para dar con eles…

Para axudarte na súa procura, aquí tes unha guía dos existentes no concello de Pontevedra, para consultares as súas coordenadas xeográficas e os seus horarios de apertura. Así, ou atópalos ou pérdeste directamente!

 

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados