• Comer e beber

Comer e beber

Visit Pontevedra

A gastronomía de Pontevedra, como a do resto das cidades galegas, é considerada como unha cociña “de produto”, pola excelente calidade da súa materia prima. Caracterízase basicamente pola sinxeleza das súas receitas, xa que non precisa de demasiados artificios, pois o importante é gozar de toda a intensidade de sabores que nos ofrece.

Outro importante atractivo é a súa variedade. Sen dúbida é tan ampla como variados son os establecementos que a preparan: desde os restaurantes máis sofisticados, incluíndo aos grandes expoñentes da nova cociña galega, ata os máis típicos e entrañables; pero todos teñen un punto en común: a súa forma de cociñar, familiar e cariñosa, artesanal, pausada, con esmero.

Nos pratos galegos priman os mellores produtos do mar, entre os que destacan a pescada, o bacallau, o ollomol, o rodaballo ou o linguado, así como un amplo abanico de especies de mariscos, como a centola, o lumbrigante, as ostras, os camaróns, as nécoras, os percebes, os mexillóns, as zamburiñas, as navallas... Pero, sen dúbida, o prato estrela que traspasa as nosas fronteiras é o polbo á feira, elaborado con aceite, sal gordo e condimento de pemento e, normalmente, cocido. Ademais tamén pode ser preparado á brasa, á prancha, en empanada ou acompañado de cachelos (pataca cocida).

Galicia non só é berce dos grandes mariscos e peixes; tamén pode presumir da súa carne de vacún: a coñecida tenreira galega, con selo de indicación xeográfica protexida. E sen esquecer, por suposto, o porco, o protagonista nos fogóns durante os meses de inverno e elemento fundamental de elaboracións como o lacón con grelos ou o cocido galego.

Mención especial merecen os seus viños. En Pontevedra, capital das Rías Baixas, é obrigado citar a denominación de orixe Rías Baixas, que cultiva o viño Albariño, considerado polos expertos como o mellor branco do mundo. Pero existen outras catro denominacións galegas: Monterrey, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras.

Ven a gozar desta fantástica gastronomía e bo proveito!

 

Restaurantes

Menú do día, degustación e á carta. Racións, pratos e tapas. Comida rápida, caseira, tradicional, internacional, de autor e creativa... Unha das mellores formas de gozar de Pontevedra é a través do padal. Descubrirás unha gastronomía variada elaborada coa mellor materia prima da nosa terra.

Terraceo

A vida está chea de pequenos praceres e, sen dúbida, terracear é un deles. Tomar un aperitivo, unhas tapas, un petisco a media tarde… calquera momento é bo para sentar nunha terraza e gozar do momento. Así que despois dun agradable día facendo turismo, reláxate en calquera das terrazas que a cidade ofrece; hai moito onde escoller!

Noite

Pontevedra é unha cidade para vivir na rúa e pola noite, tamén. Despois da Pontevedra de monumentos, museos e historia, por que non explorar a vida nocturna da cidade? Aquí gusta moito a festa, e ben sexa para tomar algo en boa compañía ou para saír a bailar, existe unha ampla oferta de cafeterías, bares, restaurantes, xeaderías, pubs e discotecas onde a diversión e o entretemento están asegurados.

Furanchos

Estas improvisadas tabernas en adegas ou casas particulares naceron coa finalidade de vender o excedente do viño caseiro do ano, e acabaron converténdose nun atractivo turístico polo seu carácter auténtico e enxebre, así como polos seus módicos prezos. Bo viño, boa comida -—caseira, exuberante e preparada ao estilo tradicional— e propietarios afables que destacan pola súa amabilidade e proximidade son a auténtica esencia dos furanchos.

Pontedetapas

O concurso gastronómico Pontedetapas é unha cita imprescindible para pontevedreses e turistas que enchen, durante tres semanas de novembro, os establecementos participantes para gozar da cidade e da súa gastronomía, en pequenos bocados.

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados