O Camiño Portugués da Costa

Visit Pontevedra

O Camiño Portugués da Costa ten o seu punto de partida en Porto e discorre, na maior parte do seu percorrido, pegado ao Océano Atlántico. Pasa por cidades importantes, como Póvoa de Varzim e Vigo, e por pobos pintorescos como Vila do Conde, Esposende, Viana do Castelo, A Guarda e Baiona. En Redondela abandona a costa para unirse ao Camiño Portugués Central e segue polos municipios de Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón ata chegar a Santiago de Compostela. Son 260 quilómetros de percorrido desde Porto, ou ben 163 quilómetros desde A Guarda, que discorren por un incomparable marco natural.

Unha das curiosidades deste Camiño é que o peregrino, para poder entrar en Galicia, ha de atravesar en barco a canle fronteiriza do río Miño pola súa desembocadura. Este servizo préstao habitualmente o ferry que une a localidade portuguesa de Caminha co municipio galego da Guarda.

Por outra banda, o patrimonio cultural e arqueolóxico da ruta é de enorme valor, entre o que destaca, o centro histórico de Porto, declarado Patrimonio da Humanidade, o mosteiro cisterciense de Oia, ou a espectacular fortaleza de Montemaior, na vila mariñeira de Baiona, e actualmente parador de turismo. Nesta localidade arribou por primeira vez a carabela Pinta tras o descubrimento de América por parte de Cristóbal Colón.

En canto á contorna natural, este Camiño transcorre pola costa case rectilínea de Portugal ata a ría de Vigo, defendida polas illas Cíes, pasando pola enseada de San Simón e por praias, cantís, marismas, bosques e sendas fluviais de gran interese ambiental e paisaxístico.

O Camiño de Santiago da Costa é un ruta milenaria seguida por millóns de peregrinos desde o século IX, cando foi descuberto o sepulcro do apóstolo Santiago. Así a todo, a oficialidade deste Camiño é recente e aínda se está traballando na sinalización e no deseño da rede de albergues públicos.

Na páxina web do Camiño de Santiago pódese consultar o itinerario completo desde A Guarda, con información moi completa.

O Camiño Portugués pola Costa agárdate. Bo camiño!

Etapas do Camiño Portugués pola Costa

http://www.caminodesantiago.gal

DISTANCIA
162,6 km

DIFICULTADE
Media-baixa

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados