O Camiño Portugués

Visit Pontevedra

A segunda ruta máis percorrida cara a Santiago de Compostela é o Camiño Portugués. O seu trazado herda vías e camiños antigos, como a Vía XIX, construída no século I d. C. e descrita no Itinerario de Antonino –un documento do século III no que aparecen reflectidas as rutas do Imperio Romano– que unía as cidades de Bracara Augusta (Braga), Ponte de Lima, Tude (Tui), Turoqua (Pontevedra), Aquis Celenis (Caldas de Reis), Iria, Martiae, Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga). Non se trata dun trazado único, xa que do resto do territorio luso saen moitas variantes, non en balde, en Portugal se cumpre esa máxima que reza que hai tantos Camiños de Santiago como peregrinos existen.

O Camiño Portugués Central (tamén coñecido como do Interior) é o máis utilizado e documentado dos itinerarios xacobeos portugueses; parte desde a capital lisboeta e remonta o país luso de sur a norte pasando, entre outras, polas localidades de Alverca do Ribatejo, Santarém, Golegã, Tomar, Alvaiázere, Rabaçal, Coimbra, Mealhada, Águeda, Porto, São Pedro de Rates, Barcelos, Ponte de Lima, Rubiães e Valença do Minho, xa na fronteira. Entra en Galiza pola localidade pontevedresa de Tui, desde onde continúa cara a Compostela pasando polo Porriño, Redondela, Pontevedra, Caldas de Reis e Padrón.

Desde Lisboa a Santiago hai aproximadamente 600 km de peregrinación que poden cubrirse en vinte e catro días a unha media de 25 km diarios. Desde Porto redúcense os quilómetros a 240 e fan falta dez xornadas e desde Tui son case 118 km que poden realizarse en cinco ou seis días.

O Camiño Portugués conta cunha gran tradición histórica, fomentada polo apoio recibido da antiga coroa lusa, que documentou peregrinacións a Compostela desde o século XI. Da importancia que tivo desde a Idade Media esta vía dan fe, non só os múltiples escudos, símbolos e tallas xacobeas que atopa o camiñante ao seu paso, senón tamén as lendas e tradicións atribuídos ao apóstolo en favor dos peregrinos a Santiago e de todos aqueles que con fervor lle imploran nun gran perigo. Hai escritos populares que din que foi no Camiño Portugués onde se empezou a utilizar o símbolo da vieira. Fálase dun cabaleiro que saíu do mar cuberto de cunchas entre Porto e Vigo. Ou a famosa lenda do galo de Barcelos, que salvou a un peregrino da forca.

Centrándonos no percorrido galego, de todos os camiños xacobeos é probablemente un dos que menos desnivel ten. Dispón de moi boa sinalización, moitos aloxamentos dispoñibles e, posto que o trazado apenas toca zonas despoboadas, ofrece aos peregrinos numerosas opcións de lecer e servizos que facilitan o día a día. A andaina brinda tamén unha destacada bagaxe monumental e unhas vistas paisaxísticas de gran beleza.

Na páxina web do Camiño de Santiago pódese consultar o itinerario completo desde Tui, con información moi completa.

O Camiño Portugués agárdate. Bo camiño!

Etapas do Camiño Portugués

http://www.caminodesantiago.gal

DISTANCIA
117,5 km

DIFICULTADE
Media-baixa

Visit-Pontevedra - Concello de Pontevedra Turismo de Pontevedra S. A.
CASA DA LUZ
Praza da Verdura s/n
36002 - Pontevedra
+34 986 090 890
Este enderezo de correo está a ser protexido dos robots de correo lixo. Precisa activar o JavaScript para velo.
  
Top

© 2017 Turismo de Pontevedra. Concello de Pontevedra.
Todos os dereitos reservados